lunes, 17 de octubre de 2011

Estimados pais/nais:

Diante das declaracións parciais  que aparecen nos medios de comunicación sobre as mobilizacións que os docentes do ensino público estamos levando a cabo, queremos achegarvos as razóns das nosas medidas de protesta e rebater as mentiras que se están a publicar.

O profesorado galego está a  asistir a manifestacións en Santiago e a secundar folgas- a costa do seu soldo- para a defensa do ensino público para todos-as e de calidade.

Cremos que é  obriga de toda a sociedade  mobilizarse pola defensa dos servicios públicos ós que ten dereito, polo que botamos de menos a  comprensión e presencia nas protestas das A.N.P.A.S. do ensino público galego. Noutras comunidades do Estado os pais-nais estanse movilizando.

A manipulación da opinión pública centrando nunca única razón –o aumento de horas de clase – as folgas e mobilizacións,  deteriorando  unha vez máis a imaxe dos docentes galegos, deixa claramente sen contido as leis coas que a Xunta pretendía dar prestixio e autoridade ó profesorado.

Diante da crise económica que toda a sociedade está a padecer, o profesorado deu proba da súa solidariedade e profesionalidade ante o recorte nos seus salarios.

O ensino público está a sufrir recortes xeralizados, non motivados pola crise, senón por unha motivación ideológica que justifica o trasvase de cartos públicos para o ensino privado e das élites económicas.

Os dirixentes políticos fártannos con declaracións de que non recortarán ensino e saúde, pero a realidade demostra que nos minten con descaro: non pode o ensino público  ser defendido só polos mestres-as, igual que non pode a sanidade ser amparada só polos médicos-as; preservar escolas e hospitais   atinxe  a toda a sociedade. 

Recortes levados a cabo pola administración:

  • AFORRAR MESTRES

-        Recortan mestres-as de apoio a estranxeiros-as.
-        Recortan mestres-as de apoio ó equipo directivo.
-        Recortan mestres-as de apoio a alumnos-as con necesidades especiais.
-        Recortan mestres-as para sustitucións.

CONSECUENCIAS NO NOSO CENTRO:

-        Un colexio como o noso, con 462 alumnos/as, só dispón dun mestre especialista en audición e linguaxe e dous de pedagoxía terapéutica, non podendo atender a todos os nenos/as con dificultades.
-        O Centro pasou de 400 a 462 alumnos-as: ¿Temos dous mestres-as  máis?- Non,
Temos un menos que o ano pasado e dous menos que hai dous anos. ¿Quen sabe como estaremos o vindeiro ano?


-O profesorado consciente da situación, pon  esforzo e profesionalidade no seu traballo pero, ¿non é lóxico pensar que vai haber unha merma na calidade do ensino para o alumnado?


-        As baixas de profesorado, por menos dun mes, non serán cubertas por mestres substitutos.Os nenos/as terán un mestre distinto cada hora, diminuindo a calidade da súa aprendizaxe.


  • AFORRAR MEDIOS

-        A administración obriga aos mestres cada ano a facer máis papeleo o que supón unha gran perda de tempo que debería ser adicado á docencia: o goberno da Xunta meteu no caixón o plan de dotar ós centros con administrativos.

-        A administración fai anos que non manda ordenadores para o centro, e eliminou o correo electrónico para o alumnado que antes había. Non hai un serio plan de formación nas novas tecnologías.

-        A administración sempre tarda en mandar materiais básicos para as aulas (cando os manda) enviando só o que lles sobra e non o que se pide.


  • AFORRAR CARTOS

-        Cada ano os cartos que a administración envía ao colexio dos seus fillos-as é menor, tendo que traballar con presupostos anuais máis reducidos.

-        A consellería reduciu drásticamente os orzamentos adicados á formación do profesorado, polo que a aplicación da LOE queda en papel mollado.

-        O esforzo voluntario dos mestres do centro está conseguindo cartos para levar a cabo actividades cos nenos e comprar material, gracias a proxectos que se veñen realizando cada ano: Voz natura: Aula da Naturaza, Revista escolar, Contacontos, Biblioteca, Blog, Plan de dinamización lingüística, Achegas do Concello….

-        O profesorado non agarda o recoñecemento da administración polas funcións que voluntariamente realiza  a nivel complementario das súas tarefas docentes: celebracións do Magosto, Nadal, Letras Galegas, Numerosas viaxes didácticas para tódolos ciclos, Actividades deportivas, Actividades teatrais, Actividades de Radio Escolar, Viaxe de Fin de Primaria….

-        A administración suprimiu o tempo que os mestres-as  adicaban a facer estas actividades e proxectos.

O PROFESORADO MOBILÍZASE PARA DEFENDER O ENSINO PÚBLICO,
O DE TODOS-AS, FRENTE A UN GOBERNO QUE SACA DA PÚBLICA O QUE METE NO ENSINO ELITISTA E PRIVADO.
        

No hay comentarios:

Publicar un comentario